Tuesday 14 de May de 2024

Case un cento de veciños e veciñas gozaron do Microteatro, que reuniu a catro agrupacións teatrais no parque de San Lourenzo


Case un cento de veciños e veciñas asistiron á posta en escea do espectáculo “Microteatro”, unha actividade organizada polo Concello de Lousame e a asociación cultural Toxos e Carrouchas que reuniu a catro grupos de teatro no parque de San Lourenzo (Tállara-Lousame). Público e actores desafiaron as altas temperaturas da xornada do domingo, aproveitando a boa sombra que proporcionaban as árbores desta contorna natural lousamiá.

O espectáculo, dirixido por Gustavo G. Dieste, apenas durou unha hora e, de terse celebrado no salón de actos da Casa da Cultura, tería colgado o cartel de “non hai billetes”. Durante esa hora, polo escenario instalado en San Lourenzo pasaron catro agrupacións de teatro afeccionado: Tik Tak Teatro, Teatro do Improvisto, Tastarabás Teatro e LSD, xa que Ágape finalmente non puido participar.

Catro actuacións de temáticas moi variadas e cun único fío condutor: o humor. Abriron o “fogo” os integrantes de Tik Tak Teatro con “Guerrilla, a última trincheira”, unha peza especialmente preparada para este espectáculo de Microteatro e que amosaba o ridículo das guerras, dende poñer aos soldados a xogar aos barquiños ata pelexar por unha bolsa de melocotóns.

Tomaron o relevo Teatro do Improvisto, que presentaron unha escena de “Gretel”, unha peculiar versión do famoso conto dos irmáns Grimm. Nun deses contos parecían saír as catro actrices de Tastarabás Teatro, que aproveitaron que “xogaban na casa” para saír ao escenario a través do público, ao que sorprenderon entrando por detrás coas súas caracterizacións e interaccións para despois celebrar un fallido “Akelarre!” na busca de recuperar a beleza da xuventude. O trío de actores de LSD pecharon o espectáculo cunha divertida actuación, “Amor entre tres”, no que combinaron música e teatro.